Que vén o Apalpador!

 

Temos a sorte de que este vello carboeiro da Serra do Courel chegará ás terras da Coruña para festexar un Nadal ecolóxico e ecoloxista.

A nosa personaxe do Nadal vai levar de viaxe as nenas e nenos sobre o seu cabaliño de madeira de nome Lor até a Devesa da Rogueira para coñecer a lobiña Coureliña, o paxariño Pía Páxaro... os que axudarán a defender o bosque da Apalpadora, que se enfronta aos trasnos do lume e do lixo que, ao se mergullaren na conciencia dalgúns seres humanos, queren derrotar a maxia da natureza.

As nenas e nenos coñecerán o nome das árbores do Courel, teixos, freixos, bidueiros, buxos, aciñeiras, sobreiras... cantarán, bailarán e contarán ao ritmo de frautas de pradairos, pandeiretas de piñeiro e peitoques de madeira de teixo e recibirán como agasallo inmaterial a música das árbores, do vento, das fervenzas e dos ríos e regatos dun dos espazos de maior biodiversidade de Europa, a Serra do Courel. 

A actividade desenvolverase nas aulas 6, 7 e 8 do Centro Ágora e haberá dous pases: ás 10.45 e ás 12.30 horas

Organiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña dentro do programa Apego.

A Coruña Ágora Nadal

Centro Sociocultural Ágora (Aulas 6, 7 y 8) Lugar da Gramela, 17, 15011 A Coruña A Coruña España